O equipo coas escolas de iniciación ao ciclismo «A bicicleta como xoguete»

  • Autor de la entrada:
  • Publicación de la entrada:14 febrero, 2014
  • Categoría de la entrada:La grupeta

Fai menos dun ano que as Escolas de Ciclismo botaron a andar e, a verdade, nunca pensei que foran a dar tanto de si. En dous sentidos. Por unha parte, pola cantidade e calidade dos nen@s que se foron apuntando e por outro lado, pola gran satisfacción que me supón ser “o profe” desta Escola. O explico mellor a continuación.

Cando eu tiña idades semellantes dos rapaces que agora están nas Escolas seguía moi de cerca todo o relativo ao Clube Ciclista Betanzos, xa que tiña meu primo “favorito” inscrito nelas desde benxamíns, así como meu padriño na Directiva. Eles metéronme, en gran parte, “o gusanillo” da bicicleta e a cada proba que podía os ía ver e a (case) todos eles os admiraba. En canto podía montábame as agachadas nas bicis da casa dos meus padriños e disputaba todo tipo de carreiras encima delas (sprints, escapadas con vento en contra, subidas imposibles, levantaba as mans e todo…). Por diversas circunstancias non puiden entrar no Clube, pero xa nunca perdería a afección por este Deporte.

E mira ti por onde, moitos anos despois estou axudando a que aquelo que eu vivín tan intensamente se poida volver a repetir. Seguro que non vai ser igual (pasaron máis de 30 anos), pero pode que algo parecido se pode chegar a facer. Que varios nen@s opten por esta actividade deportiva pode ser hasta normal polo actual “boom” da Bicicleta e/ou polo empuxe dos seus pais, pero estamos a falar de cerca de 25 rapaces que alternan con outras actividades máis populares ou máis doadas, e se esforzan por dominar as súas bicis e sen a competición (polo de agora) como medio de motivación. ¡Simplemente por diversión!

Eu teño que recoñecer que algún que outro sábado costábame o tema de carretar o material, ter preparado algún xogo diferente por se chovía, etc… pero en canto chegaba á porta do Colexio e vía eses sorrisos de pícaros a modo de anticipo de que sabían que o ían a pasar ben e que tiñan gañas de empezar, así como os “esforzados” pais que fan números para meter bicis, cascos, luvas, a merenda, etc…nos coches ou nas mochilas para que o nen@ desfrute da bici cun mínimo de seguridade. Observar estes detalles e algún máis, fan que me sinta un auténtico privilexiado por formar parte desta Escola, xa que aínda por enriba os rapaces “progresan adecuadamente” (como nas notas da miña infancia).

Pero queda moito por facer e iso implica motivación e respecto, moito respecto. ¿Porqué?. Pois porque estas Escolas de Ciclismo, a pesares do “parón” de 10 anos, teñen un “caché” non solo no pobo de Betanzos, senón no panorama do Ciclismo Galego; e porque o tema de que algúns poidan empezar a competir no 2014 implica un tipo de ensinanzas algo máis delicadas nas que Directiva, Pais e Profes temos que estar vixiantes de que os potenciais valores educativos que a competición leva consigo se aproveiten ao máximo para seguir divertíndose, formándose; en definitiva, seguir crecendo coa Bicicleta e non chegue ao punto de perder o gusto por “montar en bici”.

A Bicicleta é como un xoguete para estes nen@s, e se entre tod@s o facemos ben, pódelles durar o resto da súa vida. Son moitos os rapaces que optan por abandonalo cando chegan a idades máis adultas e aínda que algúns o recuperan pasado unhos anos, non o fan da maneira máis correcta. Asentar o hábito do uso da Bicicleta non solo como actividade competitiva, senón, e sobre todo, como algo lúdico e co que poida experimentar esa estraña adicción que moitos sentimos por ela. Eu creo que non coñezo a ninguén que a Bicicleta non lle traía máis recordos bos que malos, sobre todo da súa infancia. Esa sensación de liberdade, de autonomía, de poder chegar a lugares que antes non se imaxinaban, son algúns dos secretos de que este xoguete teña ese carácter tan universal e lúdico.

Por iso, e a modo de conclusión, nas nosas Escolas estes aspectos nos servirán a modo de faro, de guía para non desviarnos do camiño iniciado e polo cal apostamos como base para a consecución doutros obxectivos. Sen esquecernos das aprendizaxes de Educación Vial, pola súa seguridade e confianza para desfrutar da bici fóra dos “límites” das Escolas. Ademais este é un aspecto que nos vai facilitar seguir con esas excursións coas familias dos nen@s, as cales foron un éxito, sorpresivo en parte, porque parecíamos unha pequena “familia” unidos polo noso xoguete preferido, a Bicicleta!!

Solo me resta dar as gracias a Juan Mourón pola súa inestimable axuda en todo momento, así como algún outro que me botou unha man en días “difíciles”.

Martín Neira. Profesor das Escolas de Ciclismo do Clube Ciclista Betanzos.